Mondoñedo ofrece novos incentivos para a instalación de empresas no polígono industrial do concello

Os beneficiarios percibirán a axuda en tres prazos de contías máximas de 8.000 euros, no momento de acreditación da compra da parcela, ao inicio de execución das obras e trala acreditación do inicio da actividade

Consistorio de Mondoñedo. AXM

O Concello de Mondoñedo convoca subvencións para o fomento da implantación empresarial no municipio. Trátase de “subvencións á compra de solo industrial durante o 2022” de forma que o Concello “volve incentivar o asentamento de actividade económica no municipio co obxectivo de crear emprego e dinamismo económico en Mondoñedo”. De feito, o goberno local leva tempo traballando para “fomentar o mantemento e consolidación das actividades empresariais existentes e a creación de novas empresas ou negocios”.

As subvencións diríxense a aqueles autónomos ou empresas legalmente constituídas que establezan unha actividade económica no Parque Empresarial de Mondoñedo ou no ámbito comprendido na Ordenanza U4 do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Mondoñedo definido como Áreas de Solo Industrial delimitadas nos planos de ordenación. A actividade deberá contar coas licenzas e permisos urbanísticos legalmente esixidos polo Concello de Mondoñedo para o funcionamento da mesma e xerar, polo menos, un posto de traballo vinculado á actividade, entendéndose como tal o de promotor.

Poderán concorrer tanto aquelas empresas que xa teñan iniciado a súa actividade empresarial, co fin de mantela; así coma ás de nova creación a partir do 1 de xaneiro de 2022. E deberán ter domicilio social en Mondoñedo, aínda que poderá excepcionarse de forma motivada por razón de obxecto ou finalidade da subvención ou natureza da actividade.

A axuda non será compatible con calquera outra subvención do Concello de Mondoñedo polo mesmo concepto; pero si con outras axudas ou subvencións de calquera natureza e independentemente da entidade que as conceda. En todo caso, o importe acumulado da totalidade das subvencións outorgadas non poderá exceder do 80% do custe de implantación da actividade.

CONTÍA

O importe máximo da subvención será o resultante de prorratear a cantidade máxima no ano 2022, de xeito proporcional entre as solicitudes presentadas. Os beneficiarios percibirán a axuda en tres prazos e coas contías máximas de 8.000 euros ou a cantidade proporcional no momento de acreditación da compra da parcela, ata un máximo de 8.000 euros ou cantidade proporcional ao inicio da execución das obras e outro máximo de 8.000 euros ou cantidade proporcional cando se acredite o inicio da actividade.

O importe máximo da subvención non poderá exceder o 50% dos custes subvencionables: única e exclusivamente o custe de adquisición do solo (non serán considerados obxecto da subvención os gastos notariais, periciais e rexistrais). O Concello de Mondoñedo consigna inicialmente unha cantidade de 24.000 euros para estas axudas nos Orzamentos do exercicio 2022 que pode ser ampliada.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación das solicitudes e demais documentación será de dous meses a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP).

As solicitudes poderanse presentar no Rexistro Xeral do Concello de Mondoñedo de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas, aínda que se admitirá a presentación por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here